Esta foto, que amablemente nos proporcionou Margarita Rueda (destacada en color no medio), foi feita polo polifacético artista Kukas na escalinata da igrexa de S. Martiño Pinario no último curso de carreira a un grupo de alumnos e alumnas de Arte, con algún de Historia misturado.
Aquí aparecen fotografados,nun primeiro plano hai unha chica sentada que non se soubo identificar, de momento. Detrás están aliñados Raimundo Méndez, que actualmente traballa na TVG, Marga Rueda,funcionaria da Consellería de Cultura, Marga Ferreiro e Xulio Sande, de quen a última noticia que tivemos é que estaba na Escola Naval de Marín. Detrás deste, de pé Manolo Hermida, que formaba parte da promoción anterior, pero que acabou cando nós; a continuación Elisa Fernández, que está ó cargo da biblioteca municipal de Monforte, Pepe Rey, que tamén traballa na TVG, Luisa Sanz e Fernando Urtázar, profesor nun instituto de Pontevedra; detrás del, un polo de agora descoñecido. No centro da fotografía, apoiadas na balaustrada, están Olga Casal, de quen non sabemos nada, outra que tampouco identificamos, Fernanda Fernández, tamén en ignorado paradeiro, e a parella formada por Carlos Rodríguez e Raquel, ambos casados na actualidade, o primeiro dos cales tamén está exercendo a docencia en Monforte. No extremo dereito da foto, sentada nos balaustres Cuqui Piñeiro, que é da promoción seguinte á nosa, xunto a un mozo que non sabemos quen é. No último plano están, de arriba abaixo Bernardo Castelo, profesor na facultade de Humanidades de Ferrol, xunto á que entón era a súa moza, Patricia Vargas, a continuación outra persoa que non coñecemos, logo Cuqui Espiñeira e, por último, Lucila de Ramón, hoxe directora do Colexio das Esclavas de A Coruña.
Comentario de Xoán Mariño.