20 octubre 2006

Presentación do libro de Severino Fernández Abel

O compañeiro Severino Fernández Abel, xeógrafo e profesor de instituto, escribiu un libro co título: O sistema foral en Galicia. Documentos e textos. O acto terá lugar na Galería Sargadelos (Rúa Nova, 16 – SANTIAGO). O xoves, 26 de outubro. 7´30 da tarde.

No acto intervirán Aurora Artiaga Rego, Xesús Balboa López –profesores de Historia Contemporánea da USC–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e, por suposto o autor, Severino.

Esta obra nace dunha experiencia didáctica. Nela intentouse que os alumnos de Secundaria e Bacharelato comprenderan o concepto dos Foros a partir da presentación duns documentos orixinais. Iso espertou a curiosidade dos rapaces, que comezaron a facer preguntas. Partindo desa base, neste volume recóllese unha selección de textos de diferentes estudosos e de documentos históricos mediante os que se vai confeccionando, paso a paso, de forma guiada e comprensible, a historia do Sistema Foral en Galicia. Compleméntase ademais con fotos e con diversas baterías de actividades que permiten completar o coñecemento sobre este tema.

Reseña sobre o Autor

Severino Fernández Abel (Santo Estevo do Campo -Arzúa-, 1957) residiu desde pequeno en Boqueixón, lugar ao que aínda hoxe se atopa moi vinculado. É licenciado en Xeografía e Historia, pola Universidade de Santiago de Compostela, na que realizou a Memoria sobre Os asentamentos rurais no Alto Ulla. Desde 1984 participou, presentando Comunicación en numerosos Congresos de Xeografía. A partir de 1994 formou parte dun Colectivo de Profesores que en 1999 culmina coa publicación do Proxecto Curricular e Unidades Didácticas de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia. Impartiu clases en Centros privados e en diversos institutos de Galicia, e na actualidade exerce no CPI de Pontecesures.

Referencia do libro

Severino FERNÁNDEZ ABEL, O sistema foral en Galicia. Documentos e textos. Colección XIZ / Didáctica. A edición é de tresCtres Editores www.tresctres.com