27 octubre 2006

Noticia da presentación do libro no Correo Gallego

A polémica que enraíza nas terras. O sistema foral, unha forma de pensar que persiste aínda hoxe
MARÉ . SANTIAGO G.H.


O sistema foral era moito máis que un contrato entre propietario e campesiño. Era tamén unha maneira de pensar que chegou, incluso até a actualidade. É unha das conclusións que se pode tirar da obra O sistema foral en Galicia. Documentos e textos elaborado polo profesor de Xeografía e Historia Severino Fernández Abel.

Profesor no CPI de Pontecesures, Severino Fernández (Santo Estevo do Campo -Arzúa-, 1957) levoulles aos seus alumnos uns documentos orixinais cos que conseguiu espertar a curiosidade dos rapaces. "O libro naceu na aula", afirma Severino. Así foi como xurdiu a idea do libro no que recompila textos de expertos sobre o tema, documentos históricos e fotos para reconstruír a historia do sistema foral de Galicia. Pero ademais, unha das peculiaridades da obra é que o profesor inclúe fotos propias da localización de dous foros en Boqueixón, a vila onde residiu dende pequeno.
Outra curiosidade é que descubriu, de casualidade, información sobre un foro en Melide durante unha visita a un cemiterio. "Atopei unha referencia a un personaxe histórico nun dos panteóns, o cal foi toda unha sorpresa que me permitiu atopar datos no concello e na igrexa", explica.
Porén, un dos aspectos máis destacables é a pervivencia do sistema foral dende a Idade Media até case a actualidade. "Os foros están moi enraizados co sistema de propiedade de Galicia", indica.

Na súa evolución, a chegada do liberalismo no século XIX supón un punto e á parte xa que emerxe a polémica pola redención dos foros en favor dos campesiños ou dos propietarios. Unha polémica que non se arranxou até que en 1926 se aprobou o Decreto de redención de foros. E así e todo, aínda hoxe en día segue habendo conflitos que teñen moito que ver con este sistema. Malia todo, "a xente maior aínda lembra o que era pagar o foro, aínda que non tiña moi claro por que se facía". Por iso o problema do foro é, ó seu ver, un tema "recente" que se pode explicar pola permanencia que tivo na mentalidade galega.
Esta é unha das razóns pola que 3C3 editou esta obra que ten unha función didáctica ao incluír diversas baterías de actividades para completar o coñecemento sobre o tema. De aí que sexa un libro que lles permitirá aos alumnos de secundaria e bacharelato comprender o complexo concepto dos foros en Galicia.