O próximo venres, 1 de outubro, un membro da nosa promoción de Historia, XOSÉ RAMÓN QUINTANA GARRIDO, da especialidade de Historia Contemporánea, vai presentar o seu libro
No acto, que terá lugar ás 20.30 na galería Sargadelos de Boiro, vai estar acompañado polo noso tamén compañeiro de promoción Xoán Carlos Hermida, profesor no IES nº 1 de Ribeira.
Se non tendes nada mellor que facer ese día, vémonos alí e logo imos tomar algo para falar un pouco.
Veña, un cordial saudo para todos.
O LIBRO A PRESENTAR FOI GALARDONADO CO VIII PREMIO DE ENSARIO RAMÓN PIÑEIRO
A obra UN LONGO E TORTUOSO CAMIÑO: ADAPTACIÓN, CRISE E CAMBIO NO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (1982-2008), da que é autor Xosé Ramón Quintana Garrido, resulto a gañadora deste premio que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, e Editorial Galaxia coa colaboración de Unión Fenosa.
O ensaio premiado na oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, aborda o tema da evolución, entre o radicalismo e a adaptación, do BNG, desde 1982 á actualidade. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que destaca a capacidade do autor para interpretar e reconstruír, con rigor intelectual e eficacia expositiva, o proceso recente do BNG. Análise feita á luz da ciencia política e dos abondosos fondos documentais empregados polo autor.O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado porLuís Alonso Girgado, María López Sández, Rosa Marta Gómez Pato, Ramón Villares e Carlos Lema, salientou a calidade dos nove orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.
Xosé Ramón Quintana Garrido (Ourense, 1957) é profesor asociado de historia contemporánea da Universidade de Vigo, e profesor de secundaria. É especialista en historia política e historia social. Ten publicado o libro “Ramón Otero Pedrayo. Vida obra e pensamento” (1988), en coautoría con Marcos Valcárcel, ademais de diversos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas.
