18 abril 2011

Exposición de Cartografía Antiga de Galicia na Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura de Galicia acolle unha exposición de Cartografía Antiga da nosa terra. Permítenos facer un percorrido por mapas antigos confeccionados entre os séculos XVI e o XIX, con exemplares tan valiosos como as primeiras cartas náuticas que se fixeron da costa atlántica europea, ou o mapa completo de Domingo Fontán.
Confeccionada con fondos adquiridos pola Biblioteca da Cidade da Cultura, Cartografía antiga de Galicia presenta un percorrido polos mapas e cartas náuticas que se debuxaron dende finais do século XVI ao XIX. Na mostra, ademais do Fontán, atópase un exemplar do que é considerado o primeiro mapa de Galicia, o que elaborou o dominico Hernando Ojea no 1603. O mapa de Ojea, confeccionado en México e impreso en Amberes (Bélxica), onde se atopaban os talleres mais avanzados de Europa nese época, foi o primeiro mapa da historia no que Galicia se debuxa separadamente.

Outra peza de enorme valor incluída nesta exposición son as cartas náuticas do holandés Lucas Jans Waghenaer, que a finais do século XVI foi o primeiro en recopiar información e construír cartas náuticas da costa atlántica europea, dende Escandinavia ata Xibraltar. Das vinte e tres que se incluíron no "Sphiegel der Zeevaert" (O Espello da Navegación), tres corresponden a Galicia; unha delas está nesta exposición.

O comisario da mostra é o noso compañeiro xeógrafo e profesor da Universidade de Vigo,  Gonzalo Méndez Martínez.


A exposición estará aberta deica o día 5 de agosto de 2011.